Instituto de la Mujer
Estudios e investigación Compartir

Os estudos das mulleres, feministas e de xénero

Ao longo da historia, as mulleres foron excluídas da xeración e da validación do coñecemento, así como dos hábitos sociais que conforman a experiencia histórica. Na época en que vivimos, as mulleres non só teñen que achegar a súa mirada ao coñecemento, senón que tamén deben ser axentes do coñecemento, sendo preciso que o coñecemento das mulleres se formalice.

Desde a creación do Instituto da Muller, e, a través deste, viñéronse impulsando e financiando estudos das mulleres, feministas e de xénero. Co paso do tempo, o acervo de coñecemento reunido, coa realización deste tipo de estudos, é amplo e importante, de forma que pode afirmarse que este organismo contribuíu á consolidación desta área de coñecemento e, polo tanto, a explicar o estado e a evolución da sociedade desde a perspectiva de xénero, ofrecendo camiños novos que percorrer para o conxunto da poboación, para as persoas que ocupan postos de responsabilidade e para a comunidade científica, incluídas as novas xeracións que queren formarse nesta área do saber ou con estes parámetros.

O financiamento de investigacións e estudos deste tipo, por parte do Instituto da Muller, levouse a cabo, tradicionalmente, por dúas vías diferentes: Por unha parte, a través das convocatorias públicas destinadas á subvención de investigacións, que, no período 1996-2007, se fixeron no marco do Plan nacional de I+D+i, e, por outra parte, por medio dos plans de estudos que, cada ano, aproba o departamento ministerial do que depende o Instituto. Desde a creación do Observatorio da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, mediante o Real decreto 1686/2000, tamén se realizan algúns estudos no ámbito deste observatorio.

Os traballos financiados son de índole moi diversa, tanto nas súas formulacións, como na metodoloxía utilizada e nos contidos. Neste sentido, algúns deles son de carácter conceptual, máis teóricos, e outros teñen unha vertente empírica e, incluso, de aplicabilidade. As metodoloxías utilizadas son tanto cuantitativas como cualitativas ou mixtas. E en canto aos temas e ás materiais son tamén variados: historia, ordenamento xurídico, demografía, familia, protección social, educación, cultura, emprego e relacións laborais, saúde, participación (política, social e económica), indicadores de igualdade, usos do tempo, diversidade e inclusión social, cidadanía, violencia contra as mulleres, etc.

W3C. Abrirase nunha fiestra nova