Instituto de la Mujer
Deporte y actividad física Compartir

Deporte e actividade física

Tal e como nos atopamos nos inicios do século XXI, parece que a ninguén se lle escapa que a práctica regular de actividade físico-deportiva xera, para quen a realiza, beneficios globais: físicos, psíquicos, afectivos e sociais. Non obstante, segue a ser un ámbito limitado á muller, en moitos casos, e xa non só na práctica ou participación en competicións, senón tamén na representatividade nas diferentes estruturas deportivas, na visibilización nos medios de comunicación, no obxecto de investigacións científicas, etc.

O deporte e a práctica físico-deportiva son actividades totalmente integradas, aceptadas e valoradas positivamente na nosa sociedade; no entanto, séguense xerando desigualdades entre homes e mulleres que fan que o rol que a muller desenvolve neste ámbito estea asociado a valores estereotipados, afastados da realidade e que non facilitan a súa inclusión neste mundo, ben como practicante, directiva, deportista, adestradora, etc.

Tendo en conta isto, o Instituto da Muller cre necesario e oportuno prestarlle especial interese a esta circunstancia. De aí que nos marcásemos os seguintes obxectivos:

  • Fomentar a participación das mulleres na práctica de actividades físico-deportivas.
  • Promover o cambio nos modelos de referencia do deporte feminino de cara a identificar este con valores acordes á realidade.
  • Facilitar o acceso da muller aos diferentes niveis de intervención e xestión deportiva.
  • Desenvolver estratexias e instrumentos que garantan o acceso igualitario á participación e á práctica de actividades físico-deportivas desde diferentes institucións educativas e deportivas.
  • Potenciar a investigación nos diferentes ámbitos da práctica físico-deportiva da muller, que comporten un desenvolvemento e unha participación igualitaria.
  • Establecer vías de comunicación e colaboración con entidades e institucións relacionadas co mundo do deporte de maneira que permitan avances cara a unha realidade físico-deportiva máis equitativa.

Coa intención de cumprir os obxectivos propostos, o Instituto da Muller asinou convenios con institucións directamente relacionadas coa práctica físico-deportiva: o Consello Superior de Deportes e o Comité Olímpico Español. A finalidade destes convenios é colaborar na realización de actividades dirixidas a promover a coeducación na práctica deportiva, na elaboración e difusión de materiais didácticos, na promoción da práctica deportiva, na investigación e a análise sobre este tema, etc.; en definitiva, desenvolver de maneira conxunta actividades de defensa e promoción da muller no deporte, para así estimular a participación deportiva destas a todos os niveis, en todas as estruturas e en condicións de igualdade.

Do mesmo xeito, e respondendo á sensibilidade do Instituto da Muller con este ámbito, traballamos de maneira permanente no desenvolvemento de programas, actividades, publicacións, formación, etc., que dirixen o noso labor cara á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados.

O noso compromiso coa igualdade no deporte é firme e aberto para todas aquelas persoas e entidades vinculadas con este ámbito e que, de maneira activa, se comprometen ao desenvolvemento de políticas, programas e accións que garantan esta igualdade.

W3C. Abrirase nunha fiestra nova